Volver

04/12/2013

A maxia dos contos chega ao CEIP Serra de Vincios

Taller Des-Iguales Galicia 3

O pasado martes 3 de decembro, o CEIP Serra Vincios de Gondomar (Pontevedra) desfrutou da sesión de contos realizada por Bea Campos dentro do proxecto de sensibilización "Des-Iguais" que busca fomentar entre a cidadanía actitudes de respecto cara á diversidade cultural.

Unha mañá inesquecible a que puidemos gozar grazas á contacontos Bea Campos, e ao persoal docente do CEIP Serra Vincios así como aos 30 alumnos e alumnas de 3º e 4º de primaria.

A idea é que a través do máxico mundo dos contos poidamos transmitir e traballar valores interculturais co alumnado.

A sesión apoiouse en 4 contos moi especiais contados na preciosa biblioteca do centro:

  • Bailar nas Nubes: Ata os soños máis remotos se poden facer realidade. Mentres os perseguimos, aprendemos sobre interculturalidade e convivencia, rodeados do colorido deste álbum que bebe das fontes do folclore latinoamericano.
  • O nacemento do Dragón: Esta obra bilingüe galego-chino mandarín, que conxuga literatura, caligrafía e ilustración, conta a orixe desta criatura mítica, creada en tempo inmemorial polos nenos e nenas das diversas tribos chinesas que grazas a sua imaxinación crearon esta criatura para mediar entre os conflictos dos maiores. Por esta razón o Dragón é un símbolo de paz moi importante na cultura chinesa.
  • Os Sacapenas: Os sombreiros, os zapatos, as nubes, a chuvia, os paxaros xigantes... Bieito vive amolado polos seus temores, pero a súa avoa ten unha solución. O segredo está nuns bonecos orixinarios de terras lonxanas: Os Sacapenas.
  • A Banda de Vilacendoi: A música envolvía cada recuncho da aldea galega de Vilacendoi, pero o despoboamento acabou coa algarabía das noites de festa. Maxia e nostalxia, futuro e esperanza, na aldea dos teus soños.

 

Ao rematar a sesión de contos pasamos polas aulas para escoitar as reflexións dos pequenos e pequenas que nos sorprenderon contándonos diversos proxectos que fai este centro como é o apadrinamento de contos, onde os que hoxe foron o noso público transfórmanse en contacontos para traballar cos máis pequenos do centro,os de infantil de 3 e 4 anos.

Un verdadeiro pracer coñecer este centro que traballa a Educación ao Desenvolvemento de diversos xeitos e con proxectos moi interesantes que podedes ver no seu blog: http://primeirociclovincios.blogspot.com.es/

Seguiremos realizando obradoiros do proxecto "Des-Iguais" coa gran Bea Campos.