Volver

14/04/2014

Os "embaixadores" da Campaña Mundial pola Educación entregan as súas queixas ante o Valedor do Pobo

CME 2014 Galicia Valedor de Pobo-2

A casa do Valedor do Pobo abriu hoxe as súas portas aos embaixadores e embaixadoras da Campaña Mundial pola Educación (CME) nun acto moi emotivo e reivindicativo, xa que o obxectivo foi recordar aos poderes públicos que a falta dun ano para o 2015, data fixada polos acordos de Dakar para lograr a Educación para Todos e Todas en todo o planeta, aínda existen 57 millóns de nenos e nenas sen escolarizar.

Este ano baixo o lema "Sumemos Capacidades polo dereito a unha Educación Inclusiva" a CME fai fincapé no dereito de todas as persoas con necesidades educativas especiais a recibir unha educación de calidade e inclusiva para o seu pleno desenvolvemento persoal e social. No planeta hai 93 millóns de nenos e nenas con discapacidade e a gran maioría non reciben unha educación axeitada ás súas necesidades e moitos tan se queira van ao colexio.

Por esta razón os nosos embaixadores e embaixadoras estaban hoxe coas pilas máis que cargadas para facerlle chegar unha mensaxe clara a José Julio Fernández (Valedor do Pobo) e a Jesús Gamallo ( Director Xeral de Relaciones Exteriores e coa Unión Europea), é necesaria unha educación de calidade e inclusiva para todas e todos os nenos e nenas do Mundo, se queremos crear sociedades solidarias, xustas, cooperantes, temos que investir na Educación para Todas e Todos.

Así deste xeito, os alumnos e alumnas dos centros: CEIP Nº2 de Tui, AMICOS de Ribeira, CEIP López Ferreiro de Compostela e IES Carlos Casares de Viana do Bolo mostraron os seus traballos de reflexión ante o Valedor. Diversos murais, cómics, debuxos e queixas escritas coas firmas dos seus compañeiros e compañeiras foron as formas que tiveron os rapaces e rapazas de expresar a súa reflexión sobre a importancia de cumprir o dereito á educación. Estes embaixadores e embaixadoras representan a máis de 3.000 alumnos e alumnas galegos que cada ano traballan esta Campaña.

José Julio Fernández recolleu a luva e tras explicarlle o funcionamento da institución, afirmou que o seu traballo sempre será o de defender os dereitos da cidadanía galega e especialmente a dos nenos e nenas pola súa maior vulnerabilidade.

Por iso os nenos e nenas fixéronlle un regalo moi especial: un paraugas multicolor. Especial porque del colgaban moitas das capacidades que os alumnos e alumnas achegan e que sumadas todas, sempre teñen maior forza, e especial tamén porque a pesar que parece que a chuvia comeza a marchar, este paraugas terá que soportar aínda, os chaparróns dos recortes políticos incompatibles co desexo dos nosos embaixadores e embaixadoras.