Volver

09/07/2014

Presentación pública na Xunta do estudo “La educación cambia la vida. La ayuda al desarrollo en educación de la Xunta de Galicia (2010-2013)”

foto cooperación gallega

O pasado 28 de maio presentouse ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia o estudo La educación cambia la vida. La ayuda al desarrollo en educación de la Xunta de Galicia (2010-2013) que analiza o investimento en educación da Xunta de Galicia durante o II Plan Director da Cooperación Galega (2010-2013).

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, xunto con membros do seu equipo técnico recibiron a unha representación das ONGD integrantes da Campaña Mundial pola Educación (CME) en Galicia. Nesta xuntanza déronse a coñecer os resultados deste segundo informe da CME sobre o financiamento da educación nos países en desenvolvemento por parte da Cooperación Galega e os efectos que os proxectos e intervencións da Xunta de Galicia están a ter sobre a vida das persoas participantes nos mesmos.

O estudo contou coa colaboración de 7 socios das ONGD da CME en Galicia que achegaron 28 testemuños sobre como a participación nos proxectos financiados pola Cooperación Galega teñen aumentado as oportunidades para mellorar a educación, autoestima e conciencia da dignidade persoal, participación social, tolerancia, igualdade de xénero, sensibilidade intercultural e co coidado do medio ambiente, etc., das persoas que se beneficiaron dos mesmos Por outra banda, os proxectos melloraron a formación e a capacidade dos docentes para desenvolver proxectos pedagóxicos innovadores e tiveron un efecto significativo na capacidade para emprender novos proxectos empresariais individuais e colectivos que contribúen ao desenvolvemento económico local das comunidades beneficiarias.

No contexto de debate da nova axenda post-2015 que definirá un novo conxunto de obxectivos de desenvolvemento a nivel global cunha atención especial á educación, a Cooperación Galega, malia coidar á educación un sector de especialización, realiza un investimento cativo en axuda oficial ao desenvolvemento (AOD) o que afecta ó financiamento dos proxectos centrados no sector educación.

O minguamento do 57% no orzamento desembolsado entre 2010 e 2013 ten provocado que na actualidade a Xunta de Galicia unicamente destine un 0,04% do seu orzamento consolidado a cooperación ao desenvolvemento, situándose en 2014 nos 4 millóns de euros. Entre 2010 e 2013 a Xunta de Galicia investiu 3,6 millóns de euros en educación, un 13% do total desembolsado, o que representa un promedio de 33 céntimos por habitante e ano. Con respecto ao período 2006-2009, investíronse preto de 2 millóns de euros menos. A axuda en educación beneficiou a máis de 32 mil persoas e concentrouse no eido da educación técnica, a educación primaria e a educación universitaria. Con todo, cómpre sinalar que unicamente un 4% da axuda total desembolsada se destinou á educación básica, lonxe do 8% de investimento que demanda a CME. Xa que logo, o estudo valora o nivel de investimento orzamentario e de previsibilidade da axuda como negativos xa que afectan á capacidade para contribuír ao obxectivo global de acadar unha educación de calidade para todas as persoas e impiden un maior impacto dos proxectos e intervencións financiadas.

Non obstante, entre 2010 e 2013 a axuda galega en educación mellorou nos criterios de eficacia da axuda en termos de concentración xeográfica e de aumento do tamaño orzamentario das intervencións financiadas. Por outra banda, trátase dunha axuda canalizada maioritariamente a través de ONGD (80% do total desembolsado) e de convocatoria pública (94% do total desembolsado).

En canto ás recomendacións, o estudo salienta a necesidade de garantir un maior financiamento da política pública de cooperación ao desenvolvemento da Xunta de Galicia que garanta a previsibilidade dos seus recursos e permita aumentar a achega da cidadanía galega á realización do dereito á educación de todas as persoas. Ao tempo, cómpre destinar maiores recursos á educación básica e profundar no compromiso cos Obxectivos de Dakar de Educación para Todos/as. Para isto, no III Plan Director da Cooperación Galega (2014-2017) resulta necesario focalizar recursos e esforzos nas cuestións de acceso, calidade e equidade educativas que integrarán a nova axenda global en educación. Por último, para mellorar a calidade das intervencións financiadas pola Xunta de Galicia terase que apostar polo financiamento de proxectos integrados en marcos de actuación a medio prazo, que fomenten a actuación complementaria entre actores e axentes de cooperación, e mais destinar recursos a xerar unha cultura de aprendizaxe e xestión do coñecemento en educación sobre a base de avaliacións e investigacións de calidade. Para catalizar estes esforzos suxírese a creación dunha mesa sectorial en educación coa participación dos principais actores públicos e axentes de cooperación en educación.