Volver

25/07/2014

As Realidades dos Obxectivos de Educación Para Todos e Todas

Exposición CME Galicia 2014 (11)

O equipo territorial de Galicia da Campaña Mundial pola Educación (CME) presenta unha nova exposición. Propoñemos unha viaxe polo mundo a través de tres lapis de cores que mostran a unidade entre nenos e nenas das máis diversas culturas e contextos.Os mesmos tres lapis percorreron decenas de miles de quilómetros en varios continentes durante moitos meses, sendo testemuñas dun sólido compromiso coa educación.

A Educación é un dereito fundamental e imprescindible para romper o círculo da pobreza en todos os ámbitos. Desde o ano 2000, máis de 63 millóns de nenos e nenas que estaban sen escolarizar no mundo foron escolarizados. No mesmo período, en moitos dos chamados países desenvolvidos perdéronse dereitos esenciais que ata o momento estaban garantidos.

Grazas á labor de axentes de desenvolvemento internacionais e locais pero moi especialmente do compromiso de gobernos, escolas, familias e docentes, pódese falar de moitísimas historias de éxito en países do Sur. Historias das que todos e todas podemos e debemos aprender. Historias que contrastan coa realidade actual de moitos países“desenvolvidos”.

Dez fotografías realizadas polos fotografos José Collazo e Noa Fernández que nos mostran a faciana do futuro do noso planeta, nenos e nenas de moitos países unidos pola educación, por unha educación de calidade e crítica que cuestiona as relacións existentes no noso mundo a día de hoxe. A través dos dez paneís podemos percorrer diferentes historias de éxito de países aos que só acostumamos a ver nos medios de comunicación por cuestións negativas, e que sen embargo grazas a un gran esforzo seguen mudando e avanzando polos dereitos dos seus cidadáns, mentres no noso entorno podemos ver un retroceso notorio dos nosos dereitos.

Unha exposición que podedes visitar no Aeroporto de Peinador de Vigo ata o 3 de Agosto e que no mes de Setembro visitará diferentes lugares da xeografía galega.