Volver

06/10/2010

Presentada a campaña «Camiño polo Pacto Galego contra a Pobreza»

Esta mañá foi presentada en rolda de prensa a campaña «100 km x 1 pacto= Pobreza 0» que este ano, con motivo da sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza, está a levar a cabo a Coordinadora Galega de ONGD da cal ESF Galicia é membro.

No acto de presentación do Camiño polo Pacto, o presidente da CGONGD, Xosé Mª Torres, repasou o traballo de incidencia feito polas ONGD na negociación do texto do Pacto Galego contra a Pobreza cos grupos políticos. O pacto está previsto que sexa asinado o próximo 16 de outubo por representantes do tres partidos políticos con presenza no Parlamento galego. Torres tamén fixo referencia a necesidade de tomar medidas para mellorar a situación de Galicia en relación aos recursos destinados a cooperación ao desenvolvemento: a comunidade autónomo só destina o 0,09 % do seu orzamento, a segunda porcentaxe máis baixa do Estado español, despois de Murcia.

Precisamente, o Pacto Galego contra a Pobreza recolle compromisos concretos para pór en marcha medidas políticas que requiren o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM).Sobre todo, do ODM oito que se refire ao compromiso político dos países desenvolvidos na loita efectiva contra a pobreza. Unha loita que pasa por cambiar as políticas estruturalmente inxustas que condicionan as relacións Norte-Sur en materia de comercio internacional, á débeda externa ou á calidade e cantidade da Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Precisamente, neste último aspecto, o borrador do Pacto Galego contra a Pobreza compromete aos asinantes a «manter un esforzo en materia de Axuda Oficial ao Desenvolvemento que garanta que, antes do remate de 2017, al menos o 0´7 % do orzamento consolidado da Xunta dedicarase á Axuda Oficial ao Desenvolvemento"

 Campaña «100km x 1pacto=Pobreza 0»

María Paz, vogal da Xunta Directiva da CGONG, presentou a campaña de Pobreza Cero que este ano centra os seus esforzos na difusión dos compromisos establecidos no texto do pacto. Para difundir o contido do que aínda é o borrador do Pacto Galego contra a Pobreza, ás organizacións da sociedade civil galega, en estreita colaboración coas súas organizacións socias en América Latina, África e Asia, percorrerán 100 km do Camiño de Santiago a través de 6 etapas. «Será un acto reivindicativo e de denuncia no que queremos sumar os esforzos de todas aquelas persoas que queiran sumarse á causa de loita contra a pobreza», dixo Paz.

  O percorrido do Camiño polo Pacto será o seguinte:

  • Luns, 11 de outubro: Sarria - Portomarín.
  • Martes, 12 de outubro: Portomarín - Palas de Rei
  • Mércores, 13 de outubro: Palas de Rei - Arzúa
  • Xoves, 14 de outubro: Arzúa - Pedrouzo (O Pino)
  • Venres, 15 de outubro: Pedrouzo (O Pino) - Monte do Gozo.
  • Sábado, 16 de outubro: Monte do Gozo - Santiago de Compostela. Esta será a última e máis importante etapa prevista no Camiño e que rematará onde está previsto que se asine o Pacto Galego contra a Pobreza.

Dende ESF Galicia queremos animar a todos os nosos socios e socias, voluntarias e voluntarios e cidadanía en xeral a unirse a este camiño polo Pacto Galego Contra a Pobreza.

Fuente: Coordinadora Galega de ONGD 06/10/10