Volver

19/10/2010

Asinado o Pacto Galego contra a Pobreza

As ONGD galegas unidas polo Pacto

O camiño polo Pacto remata co compromiso do PPdeG, PSdeG-PSOE e BNG a adicar o 0,7 % do orzamento de Galicia a Axuda Oficial ao Desenvolvemento antes de 2017.

O Pacto Galego contra a Pobreza xa é unha realidade. Os tres voceiros parlamentarios do PPdeG, PsdeG-PSOE e BNG, Manuel Ruiz Rivas, Xaquín Fernández Leiceaga e Carlos Aymerich, respectivamente;  e o presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (CGONGD), Xosé María Torres, asinaron o texto definitivo o pasado sábado 16 de outubro no Salón Nobre do Pazo de Fonseca. Coa sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza os tres grupos parlamentarios asumen compromisos políticos, firmes e duradeiros, na loita contra as desigualdades sociais, máis aló dun período de goberno concreto.

A iniciativa do pacto, liderada pola Coordinadora Galega de ONGD a través da Comisión de Incidencia e no marco da campaña Pobreza Cero, ten o obxectivo de dar un impulso ás políticas galegas de cooperación ao desenvolvemento así coma ao orzamento destinada pola Xunta de Galicia á Axuda Oficial ao Desenvolvemento.

Entre outros moitos aspectos, o Pacto Galego contra a Pobreza compromete aos asinantes a:

  • Manter un esforzo en materia de Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) que garanta que, antes do remate do 2017, alomenos o 0,7% do orzamento consolidado da Xunta de Galicia estará adicado a esta finalidade, tal e como obriga o artigo 29.1 da Lei 3/2003 de cooperación ao desenvolvemento de Galicia.
  • Incluir obxectivos e medidas de redución até o 15% de emisións de gases de efecto invernadoiro nos planos estruturais de cada concello.
  • Apoiar as Administracións Públicas (convenios de colaboración ou outros mecanismos) á consolidación de instrumentos financeiros alternativos ou de banca ética.
  • Promover a sinatura de pactos locais contra a pobreza

O Pacto Galego contra a Pobreza está inspirado no Pacto de Estado contra a Pobreza, un documento que foi aprobado por unanimidade en 2007 no Congreso dos Deputados. Cinco comunidades autónomas asinaron dende entón pactos similares: Illes Balears, Navarra, La Rioja, Cantabria e País Valencià.

Fonte: Coordinadora Galega de ONGD