Volver

10/01/2012

Bolsas de formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento

Cooperación Galega

A Xunta de Galicia a través da ORDE do 30 de Decembro de 2011 oferta 12 bolsas de formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento.

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza e a desigualdade precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e a equidade. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade e propiciar un desenvolvemento humano solidario, igualitario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade, igualdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

A dita Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, establece como prioridade en materia de sensibilización e educación para o desenvolvemento a potenciación dos axentes de cooperación para o desenvolvemento de Galicia co fin de crear unha rede de solidariedade na nosa sociedade.

Así mesmo, o II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, aprobado polo Parlamento de Galicia o 16 de xuño de 2010, subliña que as actividades destinadas á formación de persoal especializado constitúen unha tarefa básica que a Xunta levará a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación.

Así, coa aprobación das bases reguladoras para a convocatoria de bolsas preténdese apoiar a formación de expertos/as en cooperación internacional, coa finalidade de complementar a formación académica dos/as titulados/as universitarios/as con estadías na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, nos proxectos que, co apoio da Xunta de Galicia, se executen nos países prioritarios da cooperación galega, nas oficinas técnicas de cooperación dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, de acordo co previsto no convenio subscrito entre esta Axencia e a Xunta de Galicia, ou noutros organismos internacionais, de acordo co previsto nos acordos subscritos para o efecto.

Pola súa vez, procede convocar a concesión das bolsas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 e aos correspondentes para o ano 2013, de acordo con estas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

Consultar DOGA aquí

Fonte: Xunta de Galicia