Volver

23/03/2012

Café co profesorado da Campaña Mundial pola Educación

CME Galicia

O pasado 14 de Marzo na Coruña celebrouse un encontro entre os e as integrantes de coalición galega da Campaña Mundial pola Educación e un grupo de 15 docentes de todos os niveis (infantil, primaria e secundaria).

 

O obxectivo que se formulaba a Campaña Mundial pola Educación en Galicia con esta reunión era a de crear un espazo de encontro cos e cas docentes interesadas en traballar a campaña e poder compartir opinións respecto a esta e os seus materiais didácticos.

A tarde transcorreu cun ambiente moi distendido e participativo. En primeiro lugar fíxose unha breve presentación da Campaña Mundial pola Educación a nivel xenérico para posteriormente presentar a Campaña de 2012 "Con dereitos dende o principio, por unha educación temperá de calidade".


Tras este primeiro momento, foron as e os docentes os que tomaron o relevo da tarde contando, falando e debatendo das súas experiencias doutros anos (os que xa participaran) coa Campaña Mundial pola Educación e dos diferentes aspectos que cren que hai que mellorar para incentivar a participación de máis centros, máis docentes e máis alumnado, dos que tomaron boa nota as e os integrantes da CME-Galicia.

Por último para finalizar a tarde e dinamizado polo técnico da Campaña, Juan Fernández, traballouse unha das actividades propostas na unidade didáctica de infantil e primaria. "Cando éramos pequenos" foi a proposta didáctica elixida, xa que é unha actividade que aínda que vén recomendada para primaria se pode adaptar a calquera dos niveis porque nos invita a traballar coas lembranzas dos primeiros momentos vividos no colexio, ademais, é un exercicio ideal para poder traballar na casa e implicar non só ao alumnado senón a toda a familia, dende os avós e avoas ata os pais e nais e así tamén analizar como evolucionou a educación nesta primeira fase formativa.


Sen dúbida foi unha tarde moi produtiva na que as e os docentes se foron ilusionados co traballo da CME e con ganas de apoiar e participar a nosa iniciativa.