Volver

23/04/2012

Tui e Valença unidas pola Educación

SAME Tui-Valença 2012

Máis de 100 nenas e nenos da Escola de Primaria de Valença e do CEIPNº2 de Tui participaron este venres pola mañá nun acto celebrado en Tui esixindo aos representantes municipais das dúas cidades unha Educación de Calidade e Gratuíta para todos e todas as nenas do mundo.

 

A Campaña Mundial pola Educación reencontrábase hoxe co seu acto internacional, protagonizado polos máis pequenos das dúas beiras do Miño. Esta vez a visita tocáballe ao alumnado da Escola Pública de Valença que preto das 10:00 da mañá foi recibida por todo o equipo docente do CEIP Nº2 de Tui.

A ameaza de chuvia fixo que todo o acto se desenvolvese no propio centro tudense e se tivese que suspender unha das actividades polas rúas do casco histórico. Aínda así, os pequenos e pequenas puideron gozar dun sen fin de actividades que comezaron coa pegada dos seus traballos sobre un mural coa silueta da ponte internacional que une a ambas as dúas cidades. Os traballos de nenos e nenas de Valença e Tuy eran fotos relacionadas coas súas primeiras etapas no colexio e o importante que é ter acceso á educación dende moi pequeno, temática na que se centra as reivindicacións da Campaña Mundial pola Educación neste 2012 "Con dereitos dende o principio, por unha educación temperá de calidade,".

Tras este primeira actividade e despois de visionar varias curtametraxes audiovisuais nas que se resaltaba a importancia da educación para todas as persoas do planeta, os máis de 100 nenos e nenas dividíronse en 5 grupos para traballar 5 talleres de forma rotativa: Taller de Memoria, Taller de Escritura, Taller de Xogos Tradicionais, Taller de Investigación e Taller de Informática.

O acto final tivo lugar no Salón de Actos no que xa participaron Dr ªElisabete Domingues (Vareadora de Educaçao de la Cámara de Valença), Nicolás Lorenzo Montes (Concelleiro de Deportes de Tui) e Vanesa Rodriguez Pereira (Concelleira de Benestar Social e Cultura). Nesta parte do acto os máis pequenos e pequenas trasladáronlle aos representantes políticos algunhas das peticións da Campaña Mundial pola Educación:

- Traballar para asegurar o dereito á educación para todos e todas as nenas e nenos do mundo.

- Dar importancia á atención e educación dos nenos e nenas máis pequenos.

- Loitar contra a pobreza, fortalecendo o compromiso coa Axuda ao Desenvolvemento que se dedica a Educación.

Os tres representantes políticos estamparon a súa firma e o seu compromiso de buscar estes obxectivos na lona da Campaña Mundial pola Educación, que durante a próxima semana percorrerá toda Galicia buscando máis adhesións para lograr, que os máis de 67 millóns de nenos e nenas sen escolarizar no mundo teñan acceso á educación.

O final desta festa educativa correu a man do Contacontos Anxo Moure que fixo as delicias dos máis pequenos cunha sesión moi participativa de contos Solidarios. Con este evento Tui e Valença seguen estando á cabeza das cidades a nivel mundial que loitan por unha Educación de Calidade para Todas e Todos os nenos do planeta.