Volver

22/04/2010

Centros educativos, clubes deportivos e políticos meten 1 GOL POLA EDUCACIÓN en Vigo

O día 21 de Abril na Madroa tivo lugar o acto central da campaña 1 GOL POLA EDUCACIÓN na cidade de Vigo coa participación das alumnas e alumnos dos centros: Cpi Santa Cristina, Colexio Apostol Santiago,  Ceip Frián Teis, e Colexio Nº2 de Tui, xogadores do Celta de Vigo: Yoel, Toni e Vlado Gudelj e representantes do concello vigués como o Tenente de Alcalde Santiago Domínguez, a concelleira de educación Laura López Atrio, a concelleira de benestar social María Xose Méndez Piñeiro, e o concelleiro de deportes Francisco Xabier Alonso Pérez.

 

Como todos os anos polo mes de abril a coalición galega da Campaña Mundia pola Educación (formada por: Axuda en Acción, Educación Sen Fronteras, Entreculturas, InteRed, Jovenes e Desarrollo, e Seminario Galego de Educación para a Paz) visibiliza as suas accións para conseguir unha Educación Universal de Calidade para todas e todos.

No acto de hoxe os grandes protagonistas eran os rapaces e rapazas que ateigaban ( máis de 200) as bancadas das instalacións deportivas da Madroa, xa que o alumnado quería mostrar o seu traballo a sociedade viguesa.

Deste xeito todolos centros presentaron o balón xigante onde recollían as trabas existentes para conseguir  escolarizar a 72 millóns de nenas e nenos que a día de hoxe non poden asistir a escola, e en todos os balóns podíase ler con letras ben grandes vontade política.

Os reprensentante políticos asistentes tomaron boa nota e asinaron o seu compromiso coa campaña 1 Gol expresando a sua vontade de traballar moi duro para que no acto do ano 2015 poidamos facer a gran festa da educación e festexar que todas e todos os nenos do mundo teñen unha educación de calidade.O acto tivo dous momentos estelares:

Coa lectura do manifesto por parte de varios rapaces, e Toni xogador do Celta de Vigo, onde se remarcou a idea de que a educación é a principal ferramenta para acabar coa pobreza e que a día de hoxe todos e todas nós somos a primeira xeración que ten todos os medios para rematar con ela.

E co lanzamento de 10 penaltis onde varios rapaces dos centros , Santiago Domínguez, María Méndez, Xabier Alonso e Vlado Gudelj golearon a prol da educación, eso sí grazas a colaboración de Yoel Rodríguez cancerbeiro do Real Club Celta que non se esforzou moito por parar os lanzamentos.

Coa colaboración de todos e todas o obxectivo de unha Educación Universal de Calidade para todas e todos está un chisco máis preto.