Volver

14/05/2010

Educación Sen Fronteiras e o Concello de Cangas volven a colaborar nas VI Xornadas Interculturais

Cartaz das VI Xornadas Interculturais do Concello de Cangas

Estas xornadas comezaron a final do mes de Abril, continuan neste mes de Maio e rematarán o primeiro fin de semán de xuño co VI Encontro Intercultural onde as diversas ONGs afincadas en Galicia montarán o seu stand na Alameda Vella de Cangas

Os días 29 de Abril, e 6 e 7 de Maio, Educación Sen Fronteiras estivo en Cangas participando como cada ano nas Xornadas Interculturais que organiza o concello do Morrazo.

Nos dous primeiros días a ONGD estivo presente en seis centros da vila canguesa: IES Montecarrasco, IES María Soliño, IES Rodeira, Colexio Compañía de María, Colexio Casa da Virxe e Colexio Eduardo Pondal, dando charlas ao alumnado de estes centro de 1º e 3º da ESO.

A actividade deseñada para estas charlas foi o visionado da curtametraxe "Binta e a gran idea" do director español Javier Fesser que conta a historia de  Binta, unha rapaza que ten sete anos, e vive nunha preciosa aldea xunto ao río Casamance, no sur de Senegal, e vai ao colexio. A súa prima Soda non ten a mesma sorte. A ela non se lle permite aprender as cousas que ignora deste mundo. Binta admira ao seu pai, un humilde pescador, que, preocupado polo progreso da humanidade, está empeñado en levar a cabo algo que se lle ocorreu.

A idea é facerlle ver ao alumnado unha África diferente ao que están acostumados a ver nos medios de comunicación, e facerlles reflexionar sobre a importancia da educación en todolos ámbitos da vida. As reaccións dos rapaces e rapazas ante a película son moi positivos xa que o seu grao de participación é elevado e cuestionan ideas que os adultos xa teñen máis interiorizadas.

O 7 de Maio a actividade deseñada dende o Concello foi a celebración dunha mesa redonda onde ESF compartiu asento con Anxo Moure de Bicis pola Paz, e Blanca Rodríguez de Implicadas no Desenvolvemento. As tres ONGDs falaron dos seus proxectos e da sua visión da cooperación e o alumnado do IES Rodeira plantexou as dúbidas no final do coloquio. A mesa estivo amenizada, por algún dos contos solidarios de Bicis pola Paz que contou maxistralmente Anxo Moure.