Volver

27/05/2010

A canteira educativa galega ponlle un gran centro ao presidente Feijoo para que este poida marcar un golazo pola Educación

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

O alumnado de tres centros composteláns (CEIP López Ferreiro, IES Eduardo Pondal, e IES Rosalía de Castro) xunto con duas alumnas da USC conformaron o equipo de embaixadores e embaixadoras da campaña " 1 Gol pola Educación" e en representación de todo o alumnado galego que leva meses traballando a campaña, entregáronlle ao presidente da Xunta os balóns que fixeron as rapazas e rapaces galegos, ademáis de pedirlle a súa adhesión á campaña.

O 26 de Maio será un día recordado no Pazo de Raxoi polos desexos de un grupo de rapazas e rapacespor cambiar e igualar o planeta no que vivimos. Os embaixadores da campaña 1 Gol pola Educación e os representantes da Coalición Galega da Campaña Mundial pola Educación facíanlle chegar as suas peticións ao máximo representante da nación galega Don Alberto Núñez Feijoo.

O acto dividiuse en tres fases:

Na primeira Francisco Vallverdú en representación da Coalición Galega da Campaña Mundial pola Educación (que está formada por Axuda en Acción, Educación Sen Fronteiras, Entreculturas, InteRed, Jovenes y Desarrollo e o Seminario Galego de Educación pola Paz) contextualizou o acto. Explicou o nacemento da campaña no ano 2000 tralo foro de Dakar e que a Campaña dende entón é ese árbitro que está vixiando o xogo. Cando comezou o partido no ano 2000 a situación da educación no mundo estaba en 3º rexional, e a verdade nestes 10 anos conseguíronse avances importantes nesta materia ( máis de 40 millóns de nenos e nenas escolarizadas) pero aínda así neste 2010 xa case no tempo de engadido faltan 72 millóns de nenas e nenos por escolarizar e máis de 750 millóns de persoas adultas que non saben nin ler nin escribir. Para finalizar a sua intervención o representante da coalición enfatizou en duas ideas chaves para a consecución do obxectivo dunha Educación para Todas e Todos: "en tempos de crise, máis que nunca é cando unha sociedade, unha cidadanía, amosa a súa solidariedade" e " a nosa xeración é a primeira que pode e debe rematar coa pobreza no mundo, non deixemos escapar esta oportunidade".

A continuación foron as embaixadoras e embaixadores de 1 Gol os que calzaron as botas e puxeron os tacos de aluminio para non esbarar e poder deixar a suas peticións moi pretiño da portería para que o Presidente só tivese que rematar a porta valeira. As peticións foron claras e precisas:

  • "Pensamos que o goberno debería investir máis fondos en educación e destinar cartos aos países máis necesitados"

 

  • "Con tristura, comprobamos que os países ricos non queren pagar as entradas que darían acceso ao estadio da educación, porque destinan menos do 0'7% dos seus orzamentos a cooperación ao desenvolvemento"

 

  • "Sr. Presidente, queremos que Galicia se sitúe na Champions League da cooperación ao desenvolvemento. Se cadra, gustaríanos que mesmo gañase a Liga da Loita contra a Pobreza e da Educación para todas e todos"

 

  • "Ogallá algún día nos poidamos bañar na Praza Roxa, en Catro Camiños ou na Praza de América para celebrar a mellor vitoria de todas: que a educación para todos e todas é por fin unha realidade"

Unha vez rematadas as suas peticións os rapaces e rapazas fixéronlle entrega dun balon onde se recollían todas estas peticións.

O presidente Feijoo colleu a testemuña e en primeiro lugar felicitou tanto os alumnos e alumnas como os integrantes das ONGs por "baixar á realidade e ver que hai outros mundos" e facerllo ver a sociedade galega. O presidente da Xunta de Galicia afirmou que "Xuntos podemos marcar un gol pola educación como un gol" "pola liberdade". Ademais o presidente da Xunta concretou a súa adhesión asinando na lousa de 1 Gol e comprometéndose á "priorizar" a educación e a saúde en todas as actuacións de cooperación que impulse o Goberno galego. A este compromiso tamén adherironse a Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior Pilar Romero e o Secretario Xeral de Educación e Ordenación Universitaria Jose Luis Vázquez que tamén asinaron na pizarra.

A foto final do acto reflexa a unión entre a sociedade civil, as institucións políticas e as mozas e mozos futuro de Galicia, unidos para conseguir a maior remontada da historia: CONSEGUIR QUE TODOLOS CIDADÁNS DO PLANETA POIDAN DESFRUTAR DOS SEUS DEREITOS AO IGUAL QUE A SOCIEDADE GALEGA.