Volver

05/01/2010 - 05/01/2010

A Rede Social Galicia Sur continua coas suas reivindicacións na entrada do novo ano

Pídelle o centro aos reis

Lugar: Vigo, Museo Marco

Tras finalizar o mes da pobreza cero na cidade de Vigo
a Rede Social Galicia Sur continua co seu traballo e informa sobre a convocatoria dun novo acto: "Pon os teus zapatos para pedir o centro de inclusión social aos Reis Magos" de sensibilización e denuncia ante o reiterado incumprimento na posta en marcha do Centro de Inclusión Social na cidade de Vigo.

Visto que os nosos políticos municipais e autonómicos non foron quen de dar unha resposta axeitada á dramática situación que en Vigo está a vivir o colectivo de persoas sen fogar, cando nunca esta cidade estivo tan preto de acadar o necesario e urxentemente reclamado Centro de Inclusión Social, a Rede Social Galicia Sur convoca á cidadanía viguesa a concentrarse o día 5 de xaneiro ás 11:00 horas na rúa Príncipe, diante do Marco.

Acompañados por un Rei Mago, leremos a nosa carta aos Reis Magos e colocaremos o maior número de pares de zapatos posibles para pedirlles que este ano nos traian, á cidade de Vigo, o tan necesario Centro de Inclusión Social.

Tamén ofreceremos aos asistentes a posibilidade de doar o seu calzado para repartir entre as persoas que os poidan necesitar.

Despois acompañaremos ao Rei Mago ata o rexistro xeral do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia onde se fará entrega da carta aos reis magos e dun saquiño de carbón aos nosos políticos por "non portarse ben" este ano e non ser quen de poñerse de acordo nun tema tan sensible e de vital importancia para as persoas que malviven nas rúas da nosa cidade, por mor de intereses partidistas e dunha manifesta falta de vontade política.

Podedes leer a carta no ficheiro adxunto en pdf.